.

25 junho 2005

Segundo número


Con inxeccións espóradicas de felicidade inducidas por un consumismo frenético derivado da "grande aceptación" do primeiro número de Faneca Brava, tedes entre as vosas mans (que tremen por aloumiñar tan docemente un produto de tanta calidade) unha nova tirada do que nun tempo medianamente prudencial acabará por converterse no referente cultural da área de Compostela. Ou, no seu defecto, un produto residual duns enfermizos estudantes de xornalismo que non teñen outras ocupacións que percorrer as rúas da cidade en busca de publicidade para sacar adiante esta publicación (e neste momento é cando pedimos, con pingas de sarcasmo ironizante, axudas para o futuro).
Chegan xa os exames finais e con eles os agobios, os nervios e os cabezazos contra a parede que se xuntan nunha simbiose que nalgúns casos remata en esquizofrenia aguda. A abafante vida do universitario medio da USC. Pero paseniño todo sae adiante. E se por algún elemento causal producido, sen dúbida, por un profesor cabrón que che ten manía e que lle vai a vida en suspenderte, sempre quedarán os meses de verán.
E se non tes motivación e cres que a túa vida é gris, pensa que despois deses longos días de xullo, agosto e setembro a revista coa que entablaches o maior amor que o universo lembra entre un ser humano e unhas follas grapadas, Faneca Brava, volverá cun novo curso.
Un ano máis vellos, si, pero con máis experiencia e con ánimos renovados de cara a un maratón de búsqueda publicitaria (de novo o guiño subliminal a axudas que poidan vir) e de narrar o que sucede no mundo, o que pasa ou simplemente plasmar nunhas liñas as nosas inquedanzas e vivencias.
Despedímonos amigos, pero solo ata outubro, porque os que compoñemos Faneca Brava, mal que vos pese, temos aínda moitas cousas que contarvos.
Sorte nos exames e bo verán!