.

25 junho 2005

Cando sexa maior...

Cando somos uns meniños soñamos con viaxar lonxe, fuxir da nosa casa e coñecer sitios novos, sen medo a perder as cousas que queremos, a nosa boneca escarranchada, aquel camión ao que xa lle faltan un par de rodas, así como esa manta cun cervo que temos dende que éramos pequeniños. Só xente boa cos brazos abertos nos recibe no noso vagar por un mundo alleo ás preocupacións, alleo á búsqueda dunha codia de pan e das "comodidades", ¿que importaba todo iso? Nós queríamos correr a fartar e vivir as nosas ilusións. Máis lógo, a medida que imos crecendo, facémonos in-conscientes aínda que nós deamos en denominalo sen o prefixo. ¿Por que? Esquecemos todo aquilo que facía que nos erguesemos ledos pola mañá, chimpando da cama na procura dun novo día de emocións. E in-conscientes do que realmente nos importaba, engaiolamos a nosa liberdade en pos dun aburguesamento do noso espírito que xa non é branco coma onte, senón que está cuberto dunha fumareda grisacea que nos impide vernos a nós mesmos con claridade. Xa non somos quen de viaxar, agora que podemos, xa hai demasiadas cousas que nos atan. (ler máis)