.

26 setembro 2005

Ola! Benvid@s á edición dixital de Faneca Brava, ese peixe rebuldeiro que leva dende o mes de maio tentando facerse cun lugar privilexiado nas rúas de Compostela. Despois dun verán de relax, a fanequiña bule de novo e, claro, non lle abonda con ser só de papel e quixo navegar tamén por estas páxinas. Aquí poderedes atopar todos os contidos da revista e algúns agasallos extra. Na barra lateral da páxina tedes unha morea Tesouros Afundidos, todo o que a Faneca deu de si ata o de agora. Hai ademais unha boa ración de Peixe Fresco, con todo que se coce na rabiosa actualidade dos fondos mariños, e unha Lonxa, na que poderedes dar á vosa vestimenta un toque a mar de fanequeiro. Boa singradura!
Por certo! Todo tipo de dúbidas sobre o estado do mar, os prezos do peixe, as vedas ou as mareas... solucionarémolas con moito gusto en fanekabrava@gmail.com

25 junho 2005

Segundo número


Con inxeccións espóradicas de felicidade inducidas por un consumismo frenético derivado da "grande aceptación" do primeiro número de Faneca Brava, tedes entre as vosas mans (que tremen por aloumiñar tan docemente un produto de tanta calidade) unha nova tirada do que nun tempo medianamente prudencial acabará por converterse no referente cultural da área de Compostela. Ou, no seu defecto, un produto residual duns enfermizos estudantes de xornalismo que non teñen outras ocupacións que percorrer as rúas da cidade en busca de publicidade para sacar adiante esta publicación (e neste momento é cando pedimos, con pingas de sarcasmo ironizante, axudas para o futuro).
Chegan xa os exames finais e con eles os agobios, os nervios e os cabezazos contra a parede que se xuntan nunha simbiose que nalgúns casos remata en esquizofrenia aguda. A abafante vida do universitario medio da USC. Pero paseniño todo sae adiante. E se por algún elemento causal producido, sen dúbida, por un profesor cabrón que che ten manía e que lle vai a vida en suspenderte, sempre quedarán os meses de verán.
E se non tes motivación e cres que a túa vida é gris, pensa que despois deses longos días de xullo, agosto e setembro a revista coa que entablaches o maior amor que o universo lembra entre un ser humano e unhas follas grapadas, Faneca Brava, volverá cun novo curso.
Un ano máis vellos, si, pero con máis experiencia e con ánimos renovados de cara a un maratón de búsqueda publicitaria (de novo o guiño subliminal a axudas que poidan vir) e de narrar o que sucede no mundo, o que pasa ou simplemente plasmar nunhas liñas as nosas inquedanzas e vivencias.
Despedímonos amigos, pero solo ata outubro, porque os que compoñemos Faneca Brava, mal que vos pese, temos aínda moitas cousas que contarvos.
Sorte nos exames e bo verán!

Monti Castiñeiras: "A cultura sen reivindicación está coxa"


En Santiago a arte agroma ata no verdello que vai deixando a chuvia na pedra. Comezou a observar o mundo dende un quiosco. Os seus pais vendían xornais. Alí lle ofreceron o seu primeiro papel como actor. Nin el mesmo sospeitaba que ese ía ser o seu oficio. Comezou a estudar Filoloxía Inglesa pero "ese ano só saquei unha materia". Foi entón cando se integrou naquel grupo de teatro porque lles faltaba un actor.

A televisión deulle a fama, fixo da súa unha cara familiar. Quizais tamén lle permitíu sobrevivir no tumultuoso e inestable mundo da interpretación, "ti xa presupós que traballar en televisión che dá unha supervivencia económica; se estivera moi ben pagada puidera ser, pero en Galicia temos un contexto diferente ao resto de España, porque aquí as cousas non están igual de pagadas que fóra".
Mirándoo ben puidérase pensar que quizais o seu aspecto foi a chave que lle abriu as portas no mundo da interpretación. "En principio hai papeis para todos, pero para as caras bonitas creo que hai máis. Eu cheguei a estar un pouco farto dos papeis que me ofrecían, non pola cara bonita, pero tes unha imaxe, unha pinta. Se tes cara de médico, como din eles, danche máis papeis de médico".
Sería longo facer un repaso ao seu currículo. Unha pregunta, que persoaxe, que traballo lle produciu máis satisfaccións, "un é Alexandre de 'O lápis do carpinteiro', porque era moi distinto a todo o que fixera. Pero tamén estou (ler máis)

Cando sexa maior...

Cando somos uns meniños soñamos con viaxar lonxe, fuxir da nosa casa e coñecer sitios novos, sen medo a perder as cousas que queremos, a nosa boneca escarranchada, aquel camión ao que xa lle faltan un par de rodas, así como esa manta cun cervo que temos dende que éramos pequeniños. Só xente boa cos brazos abertos nos recibe no noso vagar por un mundo alleo ás preocupacións, alleo á búsqueda dunha codia de pan e das "comodidades", ¿que importaba todo iso? Nós queríamos correr a fartar e vivir as nosas ilusións. Máis lógo, a medida que imos crecendo, facémonos in-conscientes aínda que nós deamos en denominalo sen o prefixo. ¿Por que? Esquecemos todo aquilo que facía que nos erguesemos ledos pola mañá, chimpando da cama na procura dun novo día de emocións. E in-conscientes do que realmente nos importaba, engaiolamos a nosa liberdade en pos dun aburguesamento do noso espírito que xa non é branco coma onte, senón que está cuberto dunha fumareda grisacea que nos impide vernos a nós mesmos con claridade. Xa non somos quen de viaxar, agora que podemos, xa hai demasiadas cousas que nos atan. (ler máis)

Cibervoluntari@s

¿Nunca quixeches ser voluntario e non puideches por falta de tempo? ¿Non podías desprazarte ao lugar que querías? ¿Ou é que non tes un horario libre fixo para facelo? Pois a rede ofrécenos unha alternativa, o cibervoluntario. Son persoas coma ti e coma min, que se adican a axudar a outras persoas dende un ordenador. As vantaxes son moitas: poder facelo onde queiras e cando queiras, a axuda é inmediata e o máis importante, elimina as barreiras xeográficas. Así podemos axudar a persoas ás que antes non chegábamos.
Este tipo de voluntarios céntrase sobre todo na tecnoloxía. Aínda que hai moitas formas de axudar: impartir clases por Internet, asesorar en materia legal ou laboral, ou simplemente falar e aconsellar a quen o precise.(ler máis)